Blogia
RAIGAME

Recomendacións e avisos con motivo da visita de Benedicto XVI a Santiago

A continuación achéganse unha serie de recomendacións e avisos en materia de tráfico, transporte, accesos, estacionamento e de carácter xeral con motivo da visita da Súa Santidade o Papa Benedicto XVI a Santiago de Compostela.

DISPOSITIVO DE TRÁFICO

Os actos da visita terán lugar, en dúas zonas determinadas da Cidade: Centro Histórico - entorno da Catedral – e nos arredores da antiga estrada N-634a (Recorrido do Papa Móbil aeroporto – centro cidade).

A Policía Local deseñou un dispositivo para que os cortes e os desvíos de tráfico, na medida do posible, tan so se realicen nos momentos nos que sexa estritamente necesario polo movemento de persoas e polo desenvolvemento dos actos.

O dispositivo de tráfico, que comezará ás 00 horas do día 5 e se prolongará ata as 22:00 horas do sábado 6, contempla 3 perímetros de actuación:

O PERÍMETRO DE INFORMACIÓN, no que haberá policías situados co obxectivo de informar en caso de necesidade, regulando e axilizando o tráfico de entrada á cidade.
EXemplos: Rotonda de Vidán, Rotonda Volta do Castro, Rotonda Conxo, Hórreo – Romero Donallo (Rotonda Galuresa), Cruce Concheiros, Praza de España, Cruce de Peón.

No PERÍMETRO DE REGULACIÓN OU APROXIMACIÓN, próximo ao casco histórico e ao itinerario de acceso da comitiva á cidade, os policías terán o obxectivo de permeabilizar a zona, sendo flexibles co tráfico en función de cada momento do día e da fluidez do mesmo. O acceso a este perímetro do transporte público, abastecemento e residentes estará garantido.

Exemplos: Cruce do camiño Novo, Hórreo – Avda. de Lugo, Rotonda Bernardo Barreiro, Praza de la Paz, Avda. Castelao – Burgo, Pombal.

E o terceiro perímetro, o PERÍMETRO DOS ACTOS, onde, loxicamente, non se poderá circular con vehículo por cuestións de seguridade e porque estará ocupado por peóns.

É moi importante tamén destacar que os veciños poderán acceder con absoluta normalidade aos seus domicilios, ao igual que sucederá coas persoas que traballan nas zonas de influencia dos actos.

O resto dos veciños do centro da cidade con aparcamentos privados poderán estacionar nas súas garaxes cando a ocupación das vías de acceso o permitan e sempre que non estean en marcha as comitivas, salvo a área de influencia da N-634a, (antiga estrada do aeroporto), que poderían sufrir en maior medida estas restricións.

TRANSPORTE URBANO

En canto aos autobuses urbanos, vaise facilitar un sistema de autobuses lanzadeira que funcionará de forma ininterrompida desde as 7.00 horas con especial atención ás zonas de aparcamento de vehículos particulares. Así, haberá lanzadeiras desde o Mercado de Amio e Polígono do Tambre (Vía Edison) ata o aparcamento de borde de Salgueiriños; desde as zonas de aparcamento do sur, aparcamento de Santa Marta e cercanías do Campus Sur (Mestre Mateo) ata a estación de autobuses; e unha terceira lanzadeira específica desde o centro da cidade (rúa Ramón Piñeiro) ata a estación de autobuses.

Reforzarase a liña 7 (Valle Inclán a Aríns pasando por Virxe da Cerca, Praza de Galicia, Castrón D’Ouro, Sar, Aríns e Monte do Gozo) con frecuencias de 20 minutos desde as 7.00 h ata as 22.00 horas.

Para máis información estará a disposición dos usuarios o número de teléfono de información do transporte urbano 901 12 00 54, así como a páxina web www.tussa.org.

ACCESOS

Non se poderá realizar o acceso nin a saída de vehículos de residentes ao Casco Histórico dende as 7:00 ata as 22:00 horas do 6 de novembro.

Non se autorizará ningún permiso de entrada dende as 22:00 horas do 5 de novembro ata as 22:00 horas do día 6.

O acceso do público á praza do Obradoiro realizarase por Fonseca.

Por motivos de seguridade, non se permitirá a pernocta na Praza do Obradoiro aínda que se facilitará o acceso á xente que queira transitar pola praza a noite anterior. O acceso abrirase ás 8 da mañá do día 6 de novembro.

Todas as persoas que queiran acceder ao Obradoiro ou ás súas inmediacións pasarán dous controis ou filtros de seguridade, nos que se controlará a documentación das persoas e se inspeccionarán os obxectos que porten. Non se poderá acceder con mochilas que deberán depositarse nas consignas habilitadas na Casa do Deán, no Instituto Rosalía de Castro e no Pavillón Municipal Lorenzo de la Torre (inmediacións dársena da Avda. Xoán XXIII).

O acceso e a saída de Autobuses á dársena de Xoán XXIII so se poderá facer pola Avda. do Burgo das Nacións, e estará reservado para persoas con problemas de mobilidade.

ITINERARIO DA SÚA SANTIDADE

Aeroporto Lavacolla, Avenida do Aeroporto, (N-634a), Avda. San Marcos, Costa de San Marcos, San Lázaro, Avda. do Camiño Francés, Pza. de España, San Caetano, Pza. da Paz, Avda. Xoán XXIII.
DISTANCIA: 11,6 KM.
TEMPO ESTIMADO: 30 MINUTOS.
HORA DE SAÍDA: 12,30H con chegada aprox.. ás 13,00h á Praza da Inmaculada.

AVISOS XERAIS

Non haberá limitación para o paso dos peóns polo casco histórico

En previsión da importante presenza de persoas na zona vella, aconséllase aos veciños e veciñas do Casco Histórico que necesiten moverse co seu vehículo que o fagan antes das 7.00 do sábado 6.

Haberá recollida de lixo tanto o venres como o sábado, pero non se poderá botar aos contedores antes das 22h.

Os seguintes pavillóns non terán actividade durante o día 6: Lorenzo de la Torre, Santa Isabel, Vite I (Colexio), Campo de Fútbol de Santa Isabel e as Cancelas.

Non se poderán ubicar mimos, postos de venta, medalleiras, nin artistas de rúa no Casco Histórico.

Anularase a parada de taxis de Dúas Portas (zona San Francisco).

INDICACIÓNS DE ESTACIONAMENTO E CARGA E DESCARGA

Non se poderán estacionar vehículos nas rúas Carretas e Hortas dende o 28 de outubro ata o 8 de novembro por mor do dispositivo despregado pola TVG, que dá o sinal internacional do evento.

Os residentes no Casco Histórico non poderán estacionar os seus vehículos desde as 22:00 horas do 5 de novembro ata as 22:00 horas do día 6.

Non se poderán estacionar vehículos dende a rotonda de San Lázaro ata a praza do Obradoiro dende o día 4.

Non se poderá realizar a carga e descarga no Casco Histórico o 6 de novembro, agás na Praza de Abastos que funcionará con normalidade, permitíndose a carga e descarga e a subida pola rampa da Praza, a Travesía da Universidade e a Virxe da Cerca.

Non se poderán instalar as terrazas das Prazas de Raxoi, Quintana e Cervantes.

 

Para mais información prema no seguinte enlace:

http://www.santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?id_nova=6599&lang=gal

  
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres