Blogia
RAIGAME

Proposta de candidatura ó premio Vagalume

XVI Edición do premio VAGALUME   –Novembro 2008 –

A Asociación de Veciños Raigame e os catro representantes veciñais urbanos no Consello de Relacións Veciñais de Santiago, todos abaixo asinantes, presentan  a candidatura, ó premio Vagalume (individual ), de XOSÉ LOIS VEIGA GOI, xogador, monitor, mestre e auténtico impulsor do xadrez compostelán.

Veiga, como é coñecido popularmente en toda a cidade, é un pioneiro e un divulgador incansable deste deporte minoritario, pero atractivo é valioso para a formación de nenas e nenos.

Se facemos unha enquisa entre os pais que levan ou levaron ós seus fillos a actividades complementarias ou extra-escolares, todos falarían de Veiga e o seu maxisterio pedagóxico cos máis pequenos no pavillón da USC, o pé das piscinas universitarias: cunha paciencia infinita e un sorriso – nunca un mal xesto – Veiga  ensinou os rudimentos do xadrez, a milleiros de nenos composteláns, só coa única recompensa da satisfacción e ledicia, pola  progresión no xogo e na instrucción  dos alumnos.

E cando, desde o colectivo veciñal, chamamos a súa porta para organizar campionatos ou festas de xadrez, sempre estivo disposto e optimista: facía chamadas, carrexaba os taboleiros, orientábanos en todo canto descoñecíamos e, o final, aínda curaba as feridas dos que non aceptaban a derrota....

E, para rematar, aínda que solo fose polo seu mérito deportivo, a cidade de Santiago, pode estar ben orgullosa de Xosé Lois Veiga Goi:  un dos moitos froitos do seu desinteresado ensino é DIEGO SUAREZ POUSA ( n.1976 )  o primeiro compostelán Mestre Internacional de Xadrez ( 2431 puntos ELO ).

 En Santiago de Compostela, novembro de 2008

Asinan:
O Presidente da A.Vv. Raigame e os catro representantes urbanos no Consello de Rr.Vv.:

Xaquín Mato Castro  /  María Teresa Barral Ameigeiras  /  Juan José Álvarez Carril  /  Agustín Pena Herva  /  Xosé Martínez Otero

 

0 comentarios